Thursday 02 de May de 2024

A Xunta xestionará máis de 100 M€ dos Fondos Europeos de vivenda e sinala a importancia de axustar porcentaxes e impores para xerar demanda


— Ángeles Vázquez lembra que a Consellería trasladou ao Goberno central unha serie de alegacións ao Real Decreto polo que se regulan os programas, á fin de que se adapten ás necesidades de Galicia e do actual mercado da vivenda

— Salienta que as políticas en materia de vivenda en Galicia están fixadas no Pacto social pola vivenda 2021-2025, unha folla de ruta aprobado co consenso de todos os representantes do sector e do que un 71% dos programas xa están en execución

A Xunta de Galicia xestionará máis de 100 millóns de euros en distintos programas en materia de vivenda dos fondos europeos de recuperación.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, respondeu esta mañá unha pregunta en materia de vivenda no Pleno do Parlamento, onde sinalou que 81 deses millóns se repartirán a través de convocatorias. Sobre isto aclarou que “coñecer o orzamento que imos xestionar é unha boa nova”, pero neste momento “tamén é importante coñecer as condicións de cada programa”.

A conselleira lembrou que o Goberno galego presentou unha serie de alegacións ao Real Decreto polo que se regulan os fondos europeos e que se resumen na “necesidade de incrementar as contías e as porcentaxes que se recollen”, co fin de que os futuros e posibles beneficiarios vexan estas subvencións como un incentivo.

Nese sentido, aclarou que é preciso revisar estes dous aspectos para que sexan efectivos e se adapten á realidade de Galicia e, sobre todo, para que as comunidades, ou propietarios individuais, se animen a presentar unha solicitude que os axude a asumir unha actuación na súa edificación.

A conselleira indicou que outra das demandas trasladadas por Galicia para asegurar a execución dos fondos é que estas se realicen en base ás figuras e aos programas que existen na actualidade, como as áreas Rexurbe ou as áreas de rehabilitación integral (ARI). A finalidade desta petición é axilizar a tramitación, pois evita facer novas delimitacións ou zonas.

Plan de consenso
Así mesmo, a conselleira de Medio Ambiente indicou que as políticas en materia de vivenda en Galicia están fixadas nunha folla de ruta que conta coa aprobación e consenso de todos os representantes do sector: o Pacto social pola vivenda 2021-2025, que tivo como precedente o Plan Rehavita 2015-2020, e que na actualidade un 71% das medidas xa están en execución .

Indicou que as cifras recollidas ao longo destes anos son claras e unha mostra da validez das medidas, pois desde o ano 2010 adxudicáronse un total de 3.500 vivendas de promoción pública; concedéronse máis de 17.500 axudas ao alugueiro, que suman un investimento superior aos 34 millóns de euros; o parque de vivendas en alugueiro está composto por preto de 3.700 inmobles; e entre 2015 e 2021 concedéronse 2.920 bonos de alugueiro social e bonos de alugueiro para vítimas de violencia.

En materia de rehabilitación, conseguiuse actuar en 162 vivendas municipais por importe de 6,3 millóns desde 2017 e 117 infravivendas; ás que se suman as 96 axudas concedidas a promotores para a construción e rehabilitación de vivendas por importe de 5,9 millóns.

Tamén desde 2018 se facilitaron máis de 430 axudas para adquirir unha vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes, que suman un importe de 3 millóns de euros; e preto de 50 axudas para comprar vivendas en cascos históricos por máis de 700.000 euros.